Á hora de relacionar a saúde auditiva co rendemento no noso posto de traballo son dúas as cuestións que teremos que abordar. Por unha banda o baixo rendemento asociado a unha doenza auditiva sen tratar e, por outro, aqueles danos que está sufrindo a nosa audición ó expoñela a ruídos continuados en determinados traballos.
Sobre isto fala un importante estudo da revista Frontiers in Psychology, onde se asegura que o emprego de audífonos nos primeiros anos de perda auditiva asociada á idade, incluso cando esta é moi leve, pode mellorar significativamente o rendemento no traballo.
Para o estudo traballouse con persoas adultas de entre 50 e 60 anos que nunca antes empregaran estes aparellos. Antes de comezar co estudo, estas persoas foron sometidas a diferentes probas cognitivas relacionadas ca memoria, ca atención, ca retención selectiva e cas habilidades de velocidade para procesar e falar. Logo de varias semanas empregando audífonos foron sometidos/as de novo a estas probas e os resultados melloraron en cada unha das probas.
Os audífonos colaboran mellorando a función cerebral, a capacidade de falar e a memoria, facendo así que o rendemento no traballo se incremente. De novo, os investigadores deste estudo conclúen que as persoas que teñen problemas de audición e acoden ó seu posto de traballo sen ningún tipo de aparello auditivo, é moi probable que non estean realizando o seu traballo de forma eficiente. Ademais, estarán invertendo boa parte do seu potencial cognitivo e intelectual en tratar de descifrar o que lles din, no lugar de aplicalo nas tarefas laborais.
Esta redución do rendemento e o malestar xeral por non ser capaces de escoitar ben acabarán derivando en graves consecuencias emocionais e sociais, así como diminuír a calidade de vida.
Un mal acondicionamento acústico pode reducir o rendemento laboral
Os nosos hábitos e o espazo no que desenvolvemos o noso traballo poden afectarlle de forma clara á nosa calidade auditiva, afectándolle á súa vez ó noso rendemento no traballo. Entre as causas máis habituais están as seguintes:
- As oficinas ou os espazos de traballo están mal deseñados e construídos con materiais que non illan o son, podendo provocar así un baixo rendemento laboral debido á perda de concentración, estrés, mal humor e irritación por ruídos, vibracións de alarmas, pantallas, teléfonos, instalación de aire acondicionado…
- Emprego de cascos e música ambiente. Neste caso, un emprego moderado pode non resultar prexudicial; pero si que pode provocar desvíos da atención.
- Ruídos do exterior e ruídos ambiente: o son das rúas, dos vehículos, as vibracións acústicas de máquinas ou sistemas de ventilacións interrompen as actividades que requiren concentración, as lecturas e os procesos mentais.
- Os sectores profesionais que máis se ven afectados por estes condicionantes son as áreas relacionadas ca creatividade, cas finanzas, co xurídico, co deseño ou ca contabilidade.