O cine é unha ventá ó mundo para moitas e diversas temáticas. Un escenario con moito poder para dar a coñecer ou informar ó gran público sobre temas que igual non contan aínda con moita presenza, ou non ca que deberían. E a xordeira e os problemas de comunicación son un deles. Porén, ó longo da historia fóronse creando algúns filmes de forma illada nos que si que se lles deu visibilidade. Ímoschos amosar e contarche algo de cada un deles para que os teñas en conta no teu próximo domingo de “sofá, peli e manta”.
5 películas que abordan a temática da xordeira
1. El milagro de Ana Sullivan (Arthur Penn, 1962)
A película versa sobre a relación existente entre Helen, unha nena que padece xordeira e cegueira e a cal medrou sen ningún tipo de disciplina e sobreprotexida por seus pais; e pola súa profe Ana, tamén cega e a cal loita por redimirse da culpa que arrastra pola morte do seu irmán. Ana ve na educación de Helen a súa forma de compensar esta culpa e consegue, pouco a pouco, facer dela unha persoa máis independente, con máis valor e tamén unha persoa máis sociable. Esta historia é todo un referente dentro do mundo da educación.
2. Hijos de un dios menor (Randa Haines, 1986)
A temática que presenta este filme é a comunicación a través da lingua de signos, aínda que a base sobre a que se apoia son as consecuencias que provoca no ser humano a incapacidade de comunicarse con normalidade, transcendendo así a sentimentos máis universais.
3. La familia Bélier (Éric Lartigau, 2014)
O enfoque desta película é diferente. Nela, quen se sente diferente e illado é a única persoa oínte dunha familia na que todos son xordos. Afrontada desde unha perspectiva cálida, humana e divertida, a película presenta a personaxes que, pese a sufrir dificultades de audición e por consecuencia, comunicativas, están plenamente adaptados á sociedade.
4. A silent voice (Naoko Yamada, 2018)
Esta película de animación xaponesa narra a historia de Shoko, unha rapaza con xordeira que chega nova a un colexio. Aquí, todos a reciben cos brazos abertos, agás Shoya, que a rexeita e non amosa ningunha empatía cara ela. O filme fala así do medo cara o descoñecido e a dificultade de enfrontarse ós problemas que van xurdindo no día a día.
5. Un lugar tranquilo (John Krasinki, 2018)
A protagonista desta película loada pola crítica é unha familia que se comunica a través da lingua de signos. Pero pese a que unha das súas integrantes, Regan, padece xordeira, o motivo polo que só se comunican a través desta vía é outro: se non permanecen en absoluto silencio, unha ameza mundial conduciraos á morte.