A hipoacusia está directamente ligada ao envellecemento mediante o desgaste e a perda de audición asociada á idade, pero esta non é o único factor de risco para desenvolver demencia.
Ao redor do 35% dos casos pódense atribuír a doce factores de risco que son potencialmente modificables ou controlables. Estes factores son:
- A hipertensión arterial.
- A obesidade.
- A diabetes.
- O tabaquismo.
- A inactividade física.
- A depresión.
- O baixo nivel educativo.
- O alcoholismo.
- A contaminación ambiental.
- O traumatismo cranio-encefálico.
- O illamento social.
- A hipoacusia.
Destes factores modificables, o máis importante é a perda de audición, posto que é o que maior peso relativo ten á hora de contribuír a desenvolver unha demencia.
O risco de demencia increméntase logaritmicamente en relación coa intensidade da perda de audición, de tal maneira que por cada 10 dB de perda auditiva, multiplícase por un 20% o risco de demencia. Tras axustar por idade, sexo, raza, risco vascular, nivel de renda e educación, unha perda de 25 dB equivale a un aumento da idade cronolóxica de 7 anos.
Datos demográficos
A poboación española está moi envellecida debido á maior esperanza de vida e á diminución da taxa de natalidade. Así, calcúlase que, en España, no ano 2050, as persoas maiores de 65 anos representarán máis do 30% do total de poboación, e os octoxenarios chegarán a superar a cifra de catro millóns.
É fundamental adquirir e practicar hábitos de vida saudables para reducir a interacción dos factores de risco mencionados.
Actualmente en España, case un terzo dos maiores de 70 anos padecen de perda de audición asociada á idade.
Recomendacións
Hai un elevado número de persoas que xa teñen un desgaste auditivo en relación a outros factores como a exposición ao ruído, consumo de certos antibióticos, enfermidades de oído, tabaquismo... aos que a idade non fai máis que sumar probabilidades de xerar maior e peor tipo de perda auditiva.
Debido a que a perda de audición é o principal factor de risco para desenvolver unha demencia debemos intervir para paliala e así reducir o risco:
- Facendo revisións auditivas en canto sexamos conscientes de que nos costa entender ou confundimos palabras durante unha conversa.
- Aceptando a posibilidade de mellorar a nosa audición co beneficio do uso de audífonos.