Existen moi poucas persoas que reproduzan os seus audios de WhatsApp unha vez enviados. E é que polo xeral non nos gusta nada escoitar a nosa propia voz. Non nos recoñecemos e incluso nos dá vergoña. Porén, cando nos escoitamos falar non temos a mesma sensación. Por que ocorre isto?
A cuestión está en que cando falamos percibimos a nosa voz a través de dúas canles diferentes. Esta dobre percepción da voz provoca unha distorsión e fai que escoitemos a nosa voz de maneira distinta. Unha das percepcións refírese ó noso propio oído que recolle a nosa voz como calquera outro son externo. A outra percepción relaciónase ca vibración producida nos osos e tecidos que compoñen a nosa caveira no momento no que articulamos as palabras. Esta vibración, ademais, rexístrase tamén na cóclea, a cal a transmite de novo ó cerebro. Cal é a diferenza entón? Que esta segunda vía de percepción máis relacionada cas vibracións transmite a unha frecuencia moito menor, o que fai que percibamos os sons en tons moito máis graves. Porén, cando nos escoitamos nunha gravación a percepción non é dobre posto que só existe a rexistrada polos nosos oídos.
Pero esta percepción nada agradable da nosa voz tamén ten un compoñente psicolóxico. Co auxe das novas tecnoloxías, na actualidade estamos moito máis acostumados a escoitar a nosa voz pero aínda así non acabamos de recoñecernos. Os investigadores Albright College e Penn State Harrisburg realizaron un experimento cun grupo de persoas pedíndolles que cualificaran unha serie de voces gravadas en función do atractivas que foran. O experimento contaba de dúas fases: na primeira os participantes escoitaban todas as voces sen saber que a súa tamén estaba entre elas. Na segunda si que se lles comunicaba. A diferenza nos resultados? Na primeira fase a gran maioría dos participantes cualificaban a súa propia voz como “moi atractiva”, mentres que na segunda os resultados eran radicalmente opostos.
Segundo a psicóloga Núria Escudé, ca voz tamén se manifestan emocións e sentimentos. É unha característica moi específica de cada persoa e non só se produce na gorxa senón que involucra a todo o corpo, transmitindo tamén como somos e como nos presentamos ó mundo. Para moitos profesionais da psicoloxía, a voz é un instrumento importantísimo para tratar problemas emocionais e traumáticos.
Por iso é tan importante pararnos a escoitar a nosa propia voz e traballala, posto que é outro trazo que nos define como individuo. E é que a voz que escoitamos nunha gravación propia é a voz que escoitan todos os demais menos un mesmo.