A perda de audición pode ser causada por diversos factores modificables como a exposición a fortes ruídos en períodos longos ou curtos pero tamén a outros non modificables como a idade, pero tamén a xenética.
O papel da xenética
Algunhas perdas de audición si que son hereditarias e dependen das mutacións xenéticas. Os factores xenéticos fan que unhas persoas sexan máis propensas a padecer problemas auditivos que outras. Os seus xenes fanas máis vulnerables á perda de audición por envellecemento ou inducida por ruído, medicación ou infeccións.
Dúas persoas coa mesma mutación xenética poden derivar en ter capacidades auditivas diferentes xa que, os mesmos xenes poden provocar diferentes tipos de alteracións auditivas e xenes diferentes producir o mesmo tipo de perda auditiva.
Tipos de xordeira hereditaria
Todos os xenes humanos están compostos por dúas copias transmitidas pola nai e polo pai, pero os pais non teñen porqué padecer xordeira para que os seus fillos a herden. Poden ser só portadores da mutación xenética.
A xordeira conxénita hereditaria é unha xordeira que se presenta ao nacer, pero os problemas auditivos con raíces xenéticas poden aparecer máis tarde. Hai estudos xenéticos que din que ao redor do 80% dos novos casos diagnosticados teñen base xenética.
Tamén se pode sufrir de hipoacusia ou outras afeccións como otosclerosis, que é un trastorno no que se forma un tecido anormal no óso que rodea o oído medio e dificulta a transmisión do son.
É importante destacar que, aínda que a xenética pode influír na aparición de trastornos da audición, moitos deles tamén están relacionados con outros factores como malas prácticas ou enfermidades.
Polo tanto, como diciamos ao comezo, hai condicións que se poden modificar nas que podemos coidar o noso oído e a nosa audición a diario, para evitar que os problemas auditivos sexan maiores.