Pode que moitos de vós non saibades en que consiste a terapia con ruído branco, aínda que está a coller cada vez máis fama. En resumidas contas, o ruído branco é un tipo de ruído que ten a capacidade de enmascarar o ruído ambiente. E isto pode ser bo para moitas cousas.
Pero, que é o ruído branco?
É un ruído constante e monótono caracterizado por sumar todas as frecuencia que é capaz de captar o oído humano ca mesma amplitude ou potencia. Desta maneira, este ruído é capaz de enmascarar o son ambiente e producir sensacións de relaxación e calma en quen o está a escoitar. Claro que vos daremos exemplos: o son dunha TV ou dunha radio sen sintonizar, o ruído do aire acondicionado, o motor da campá extractora, o murmuro das olas do mar ó romper, as gotas da choiva... son todos sons caracterizados por non contar con ningunha frecuencia que sobresaia por riba das demais.
Existen na actualidade moitas terapias de relaxación que empregan o ruído branco cos seus pacientes. Cando estes son sometidos a este tipo de ruído, os seus oídos e a súa codia cerebral vense abafados por el, impedíndolles ó resto de sons traspasar esta barreira.
En que casos se soen utilizar as terapias con ruído branco?
Un dos máis comúns é para conciliar o sono. Este tipo de terapia como loita contra esta problemática ten as súas orixes nas unidades neonatais nos hospitais. Cando os pequenos e pequenas non eran capaces de durmir ou durmían mal, este ruído branco que emulaba os sons do útero materno facía que conseguiran durmir mellor. Pero non debermos abusar deste sistema porque podemos estar bloqueando moitos sons que son necesarios para o correcto desenvolvemento do neno ou da nena.
Por outra banda, os oídos son o único dos sentidos que segue funcionando unha vez durmidos, por iso algúns sons ou frecuencias ambiente poden chegar a perturbar este descanso. Usando o ruído branco podemos chegar a camuflar estes sons molestos e, por outra banda, son sons ós que os nosos oídos se adaptan moi facilmente polo que son a opción perfecta se queremos gozar dun momento de máis calma e relaxación. Pero ollo ca dependencia que podemos chegar a xerar!
No caso de persoas que padecen acúfenos, a terapia de ruído branco emprégase a modo de adestramento dos oídos, a través do cal se pretende reeducar a vía auditiva. O que se pretende é reducir a intensidade do ruído provocado polo acúfeno e corrixir a sobreexcitación da vía auditiva. Pouco a pouco a/o paciente poderá ir relegando a segundo plano o molesto zumbido xerado polo acúfeno.
Contraindicacións do emprego de terapias de ruído branco.
Xa comentamos dúas. Unha delas está relacionada cos problemas que pode supoñer para o correcto desenvolvemento dos bebés e a outra máis relacionada ca adición que pode xerar en idades máis adultas.
A última está relacionada co funcionamento do noso organismo. A exposición constante a este tipo de sons fai que as células ciliadas do oído se manteñan activas continuamente durante as horas de sono, que son os momentos nos que o noso organismo aproveita para levar a cabo procesos de rexeneración. Manter as células activas de forma continua pode atrasar ou bloquear esta renovación das células. Polo que temos que ter moito coidado.