As persoas fumadoras teñen un 70% máis de probabilidades de padecer trastornos auditivos. Existen diferentes estudios que confirman que a exposición ó fume do tabaco lle afecta ó noso sentido auditivo, agudizándose os danos canto máis tempo nos expoñamos a el e canto maior sexa a súa intensidade. Desta maneira, esta doenza afecta tamén ós fumadores pasivos.
Pero, cal é exactamente a relación entre unha cousa e outra? O noso corpo é unha máquina perfecta onde todas as partes que o compoñen están dunha maneira ou outra relacionadas entre si. Neste caso, o feito de fumar fai que os nosos vasos sanguíneos se estreiten considerablemente ó entrar en contacto co fume do tabaco. E unha redución da cavidade destes vasos fai que o oído reciba menos fluxo sanguíneo e iso lle acabe afectando ás súas capacidades. Isto vólvese especialmente perigoso cando o contacto co tabaco, xa sexa de forma activa ou pasiva, se prolonga máis de 10h. A afección auditiva máis habitual en persoas fumadoras é o tinnitus. O risco de padecelo é ata 4 veces maior en persoas fumadoras (aínda que só consuman 4 ou 5 cigarros ó día) que en persoas non fumadoras.
Se te atopas nesta situación, estanse a desenvolver tratamentos que poden diminuír as lesións das células auditivas a través de correntes eléctricas pero, sen dúbida, o máis recomendable é deixar de lado este mal hábito. As investigacións na materia confirman, ademais, que se rexistra unha considerable diminución do risco de padecer perdas auditivas unha vez que se logrou o abandono desta práctica.