O verán e o tipo de actividades de ocio que solemos practicar durante os seus meses son especialmente perigosas para a saúde dos nosos oídos. O continuo contacto ca auga pode derivar en doenzas que despois nos custará moito eliminar. Neste artigo faremos un resumo dos perigos ós que nos expoñemos se non coidamos os nosos oídos, cales poderían ser as consecuencias e tamén que hábitos deberíamos adquirir para evitar que estas actividades prexudiquen a nosa audición.
Problemáticas auditivas asociadas ó contacto ca auga
Otite de nadador ou otite externa: é unha das patoloxías máis habituais relacionadas co contacto ca auga en piscinas, praias ou ríos e que pode derivar en infeccións do conduto auditivo que transporta o son dende o exterior cara o tímpano.
Molestias e danos auditivos causados por rápidos mergullos na auga: o aumento repentino da presión nos oídos ó entrar neles a auga de forma tan rápida pode ser prexudicial para a saúde auditiva. Por iso é aconsellable non tirarse ó mar ou á piscina desde alturas moi elevadas.
Molestias causadas por fondas inmersións: se te mergullas a máis de 5m de profundidade tes que ser coñecedor das técnicas axeitadas que favorezan a compensación aérea do oído medio. De non facelo, o tímpano pódese ver danado polo cambio de presión.
Medidas que deberías de tomar para protexer os oídos cando esteas na auga
Emprego de tapóns: é moi importante o emprego de tapóns cando te bañas, xa sexa en auga doce ou salgada. O seu emprego evitará posibles infeccións provocadas por bacterias. Deberemos escoller, ademais, tapóns que se adapten o mellor posible ó conduto auditivo e que se vaian adaptando a el cando facemos os movementos de apertura e peche da boca.
Secar ben os oídos ó saír da auga: cando saímos da auga é importantísimo secar ben os oídos posto que a humidade pode provocar tamén a aparición de infeccións. Isto é importante durante todo o ano, cando saímos da ducha, por exemplo. Se falamos de augas con un maior nivel de sucidade, a hixiene resultará fundamental para previr calquera enfermidade causada por xermes ou bacterias.
Outras actividades estivais que poden causar danos na saúde auditiva
Ca chegada da Covid 19 moitos vímonos obrigados a cambiar as nosas costumes durante os meses de verán. Porén, todo volverá a normalidade e temos que ter en conta outras cuestións, ademais das relacionadas ca auga, que poderían afectarlles á nosa audición.
A asistencia a festivais, concertos ou verbenas pode derivar en danos auditivos dado que nos expoñemos a unha escoita continuada dun elevado número de decibelios. Por outra banda, os viaxes en avión ou calquera actividade ó aire libre que implique un cambio na altitude e na presión poden vir acompañados de molestias auditivas que teremos que coidar.