A perda auditiva é unha doenza que se pode experimentar a calquera idade, dende o nacemento ata a vellez, sendo moito más habitual nesta última etapa. Porén, cada vez son máis habituais os problemas auditivos a idades máis temperás debido, en parte, ás nosas costumes. Existen moitos factores que poden ir debilitando a nosa audición ó longo dos anos e aquí vos imos deixar un resumo:
Factores xenéticos
Moitos problemas auditivos son de natureza hereditaria debido a mutacións xenéticas. Un exemplo é o Síndrome de Usher, unha alteración auditiva hereditaria que xera un desorde auditivo moderado ou progresivo. Pero esta condición xenética, aínda que a priori non supoña ningunha alteración no noso sistema auditivo, tamén nos pode afectar facéndonos máis susceptibles a experimentar molestias se non coidamos a nosa saúde auditiva.
Contaminación acústica
Outra das causas máis comúns da perda auditiva é a exposición prolongada a fortes ruídos. Isto actuará danando as células do oído interno e pode darse de varias maneiras: escoitando música cos cascos ou auriculares a niveis esaxeradamente elevados; desenvolvéndose en ambientes laborais ruidosos como aeroportos, obras ,ocio nocturno ou mesmamente se es músico/a; e tamén realizando moitas actividades asociadas ás nosas afeccións como acudir a concertos, discotecas... Sen esquecernos dos fortes ruídos propios das grandes cidades, os cales tamén minguan pouco a pouco a nosa capacidade auditiva.
Alimentación
Manter unha boa alimentación tamén é moi importante se queremos gozar dunha correcta saúde auditiva. Trastornos como a obesidade poden repercutir na nosa capacidade de escoita. Como? A arteria auditiva é unha das máis pequenas do noso corpo, véndose rapidamente afectada se experimentamos problemas circulatorios.
Medicamentos, alcohol e tabaco
O consumo de determinados medicamentos pódelle afectar de maneira nociva ó noso sistema auditivo, chegando algúns deles a provocar perdas auditivas temporais. Outros medicamentos como os de natureza ototóxica poden facer que a perda auditiva sexa permanente.
Outros hábitos como o consumo de alcohol ou tabaco tamén inflúen na nosa audición. De feito, hai estudos que demostran que as persoas fumadores teñen un 60% máis de probabilidades de padecer problemas auditivos.
Enfermidades infecciosas
Hai doenzas como o xarampón, as papeiras ou a meninxite que poden alterar tamén o correcto funcionamento da nosa audición, en menor ou maior medida. Por iso é fundamental manterse ó día con todas as vacinas relacionadas con estas infeccións.
Perda auditiva asociada á idade
E por último, unha das tipoloxías de perda auditiva máis frecuente e natural: a que vai asociada á vellez. As estruturas internas do oído, como as dos demais órganos do corpo, vanse vendo debilitadas co paso dos anos. A esta perda auditiva asociada á idade chámaselle presbiacusia. É unha das doenzas máis habituais entre os maiores de 85 anos.