O outono caracterízase por unha serie de cambios ambientais e climatolóxicos que inevitablemente interfiren na nosa saúde auditiva. Por que? Porque os descensos de temperatura propios destes meses soen vir acompañados de arrefriados e gripes que afectan ó sistema respiratorio e, consecuentemente, tamén ós nosos oídos ó estar intimamente relacionados cas vías respiratorias superiores.
Pero non só a baixada de temperaturas, a choiva, o vento ou a humidade son tamén factores que poden afectarlle ó noso sistema inmunolóxico e á nosa audición. A principal problemática auditiva derivada deste contexto outonal son as otites e quen máis a padecen os nenos e nenas e as persoas maiores, dado que as súas defensas son máis baixas ou máis débiles.
Que fago para coidar os meus oídos en outono?
A continuación traémosvos unhas recomendacións para coidar os vosos oídos nos meses outonais e facer así que a vosa audición non se vexa resentida:
- Evita os cambios bruscos de temperatura e abrígate. Protexe as túas orellas con gorros ou orelleiras pero sobre todo protexe a zona da túa boca e nariz con bufandas. Desta maneira o frío non entrará na garganta, algo moi importante xa que os oídos están conectados ca nariz e ca boca.
- Evita os espazos pechados que estean mal ventilados e evita fumar, xa sexa de forma activa ou pasiva. Por que? Porque o tabaco favorece a acumulación do moco.
- Ó ducharte sécate sempre ben para evitar que a humidade se acumule nos oídos. E ademais, trata de eliminar a acumulación de cera na zona externa. Pero lembra, nunca introduzas bastonciños nos oídos.
- Se notas que o frío lle afectou ós teus oídos e sentes dor, aplica sobre eles calor seca. Se a dor persiste terás que acudir a un especialista.
- Se atravesas unha otite, que un profesional che confirme que xa está erradicada. Pola contra, os danos poden ir a peor sen que te des conta.
- Limpa con moita frecuencia e cun pano seco os teus audífonos e ten a costume de empregar deshumidificadores para eliminar a humidade das estancias.
- De forma periódica e sempre que chegues á casa, limpa as túas mans para evitar levar bacterias á zona das vías respiratorias.
- Mantén unha alimentación axeitada e adaptada a esta época do ano. Consume moita vitamina B-12, a cal favorece o sistema inmunolóxico.