A xordeira é unha patoloxía que afecta, segundo a OMS, ó 6% da poboación mundial. Isto correspóndese con aproximadamente 460 millóns de persoas, cifra que podería aumentar a 900 millóns no 2050 de continuar ca actual tendencia. Se ben é certo que segue a ser un problema que afecta principalmente a persoas maiores, é preocupante ver o serio aumento de casos de xordeira entre os adolescentes e os adultos máis novos. En relación a isto, a OMS afirma que a metade das persoas de entre 12 e 35 anos corren o risco de padecer serios problemas de audición nun futuro como consecuencia a unha continua e forte exposición a sons elevados.
O principal motivo é que nestas franxas de idade a música soe acompañar a meirande parte das actividades. Escóitase a música para estudar, para facer deporte, para desprazarse ou, como incluso afirman moitos e moitas, para relaxarse. Ademais de todas aquelas actividades nas que os fortes sons son o reclamo en si mesmos: ocio nocturno (discotecas e pubs), concertos, festivais... Sumando por último todos aqueles espazos nos que o ruído ambiente é unha constante: centros comerciais, parques de atraccións, a contaminación acústica das grandes cidades etc.
Por outra parte, dita escoita faise a maioría das veces a través de auriculares, os que provocan unha forte presión no oído chegando a ser moi prexudiciais á hora de coidar a nosa saúde auditiva. Estes actúan principalmente sobre a cóclea, na cal se reciben os sons. 4 de cada 10 adolescentes ou adultos novos recoñecen escoitar a música a un volume alto, por riba dos 60Db recomendados, polo que a perigosidade deste hábito é máis que palpable. Os auriculares de botón, ademais, poden chegar a producir infeccións na pel do conduto, o que se ve agravado se os auriculares se comparten con outras persoas, como é moi habitual entre a xuventude.
En canto ó motivo polo que esta patoloxía require unha especial atención a estas idades non ten que ver co nivel de desenvolvemento do oído interno (algo que si que afecta en idades moi temperás como as dos bebés) senón que está relacionado ca cada vez máis precoz exposición ós ruídos, o que fará que as lesións que se poidan producir sexan maiores xa que se trata de un proceso acumulativo.
Entre as principais patoloxías ligadas ás escoitas a altos volumes atópase o trauma acústico crónico. É o acadado tras a exposición reiterada a sons intensos, o que dana as células sensoriais da cóclea e non é reversible, podendo producir non só perda auditiva senón que tamén acúfenos. En canto ás principais recomendacións son moi sinxelas: reducir o volume da música que se escoita e evitar, dentro do posible, a introdución de dispositivos no conduto auditivo externo.