Xa temos falado noutras entradas do blog sobre a vertixe. É unha molestia moi común que chega a padecer unha de cada tres persoas polo menos unha vez na vida. Hai varios tipos de vertixe pero a máis habitual é a coñecida como Vertixe Postural Paroxística Benigna. Se padeces esta doenza terás a sensación de que todo o que está ó teu arredor non para de dar voltas. Pódese dar, en ocasións, cando se coloca a cabeza nunha posición determinada.
A Vertixe Postural Paroxística ten unha presenza moito maior entre as persoas de máis de 50 anos. Entre os síntomas máis frecuentes atopamos, ademais da sensación de que todo xira, a sensación de perda de equilibrio e o que isto pode derivar: náuseas e vómitos.
A vertixe non ten factores de risco importantes pero a posibilidade de padecelo si que se pode incrementar se se dan algunhas das seguintes situacións:
- Se existen membros na familia que xa o padeceron.
- Se se tivo algunha infección no oído interno como a laberintite.
- Se se sufriu un traumatismo cranial previo (chegaría con un pequeno golpe na cabeza).
En canto ó tratamento, na maioría das ocasións os episodios de vertixe soen desaparecer de forma espontánea uns días ou incluso unhas semanas despois da súa aparición. Aínda así, para combatelo mellor e levar de forma menos molesta eses días recoméndanse os seguintes exercicios, todos eles relacionados co movemento da cabeza e ca adopción de certas posicións:
- Manobra de Epley: é moi importante saber que este tipo de exercicios teñen que ser realizados por un médico ou un especialista. Este, mentres o paciente está sentado, xirará a súa cabeza 45 graos cara o lado do oído afectado, para logo recostalo e poñelo en posición horizontal. Posteriormente xirará o colo cara o oído non afectado e o paciente colocarase de lado, aliñado ca cabeza. Unha vez realizada esta manobra, o paciente ten que permanecer erecto ou semierecto durante 1 ou 2 días e tratar de evitar a extensión do colo. Durante a realización destes exercicios pódense dar episodios puntuais de vertixe que non soen durar máis de un minuto. A manobra de Epley sóese combinar ca de Sermont, na que o especialista move ó suxeito dun lado para o outro partindo dunha posición sentada nunha padiola.
- Exercicios de Brandt Daroff: estes exercicios si que se poden realizar na casa. O suxeito sentarase nunha padiola ou sofá e mirará cara un punto fixo. Logo deixarase caer durante medio minuto cara un lado, reincorporarase outro medio minuto e rematará con outros 30” cara o outro lado. Esta serie repetirase 4 ou 5 veces ó día durante dúas semanas.
- Manobra de Foster: esta táboa de exercicios tamén se pode realizar na casa sen a necesidade dun especialista. O suxeito comezará axeonllado. Logo inclinará a cabeza cara atrás, ca vista fixa no teito. No seguinte paso inclinarase cara adiante, levando a cabeza cara o chan. Logo, o afectado ou afectada terá que xirar a cabeza e mirar o cóbado do lado do que proveña o mareo, manténdose nesa postura durante medio minuto. Logo levantará a cabeza e deixará o corpo nun ángulo de 45 grados.
- Exercicios mentres se camiña: camiñando pódense realizar moitos exercicios cos pes que axudarán a combater mellor os episodios de vertixe. Hainos moi sinxelos coma o seguinte: dar 4 pasos e parar en seco, agardar 10 segundo e retomar a marcha. Existe unha versión deste mesmo exercicio na que, logo de facer a pausa, o afectado ou afectada retomará a marcha pero en dirección oposta.