No momento no que aparecen problemas auditivos, as relacións cos demais e co entorno empezan a mudar e a facerse máis complexas. Hai varias formas de clasificar os problemas auditivos, unha delas é en función de se aparecen antes ou despois de adquirir a linguaxe. Neste caso falariamos respectivamente de xordeira prelocutiva e xordeira postlocutiva.
Xordeira prelocutiva: causas e tratamento
A xordeira prelocutiva é aquela que se presenta antes de o neno ou nena comece a falar. Pode desenvolverse entre os 0 e 3 anos e pode estar relacionada con problemas auditivos severos ou profundos. Neste caso esta tipoloxía de hipoacusia pode afectarlle negativamente ó desenvolvemento das capacidades comunicativas, polo que contactar cun profesional canto antes é esencial.
As causas deste tipo de xordeira poden ser de orixe xenético ou conxénito. Diferentes doenzas da nai durante o embarazo poden desembocar en complicacións deste tipo, como por exemplo a rubéola materna. Ademais, no momento do parto e ata os 28 días de vida poden xurdir complicacións como a otite, meninxite ou prematuridade.
O tratamento máis usado nestes casos soe ser o implante coclear, o cal, se se coloca a unha idade temperá (entre 1 e 3 anos) pode darnos un moi bo prognóstico. Se os implantes se colocan entre os 4 e 7 anos, a evolución dos/as nenos/as dependerá do programa educativo que recibían anteriormente co obxectivo de mellorar as súas capacidades comunicativas (se recibía estimulacións temperás, se tiña consciencia da emisión de sons ou se tiña xa coñecemento das estruturas lingüísticas). No caso de que os implantes se coloquen despois dos 7 anos e que aínda non fose adquirido a linguaxe serán necesarios apoios visuais para que a intelixibilidade e claridade da voz vaian mellorando pouco a pouco.
Xordeira postlocutiva: causas e tratamento
Pola contra, a xordeira postlocutiva aparece unha vez adquirido o linguaxe. Pode darse en calquera momento da vida e isto non tería porque afectarlle ás habilidades expresivas e da linguaxe. Cando falamos de nenos e nenas, o que si que pode pasar é que se produzan alteracións na voz ou no volume da fala, polo que é moi importante que pase o menor tempo posible entre o diagnóstico e a busca da solución. Así, a nena ou neno poderá continuar ca súa evolución normal das capacidades comunicativas. En canto á aparición da xordeira postlocutiva, pode darse de maneira gradual ou repentina.
Existen moitas causas que poden levarnos a padecer este tipo de xordeira. Na maioría dos casos relacionadas con factores externos como un infección, unha enfermidade, un traumatismo ou a presbiacusia. Neste caso, o tratamento indicado será acudir a un especialista que analice cada caso en concreto para dar ca solución máis indicada.
O apoio da familia e da/o logopeda resultarán esenciais
Pero en calquera dos casos, a axuda técnica que se lle proporcione ó neno ou nena non será suficiente. Será preciso que interveña no proceso a figura do/a logopeda e tamén a das familias. Estas terán que prestar moita atención e comprobar que a calidade de audición do neno ou nena é a máxima que lle pode permitir a súa prótese. A maiores, no fogar deberase crear un ambiente óptimo para que o/a neno/a deixe fluír a súa evolución.