Cando as persoas con necesidades auditivas comezan a empregar audífonos soen precisar dun período de adaptación para acostumarse. Isto é lóxico dado que dun momento para outro o corpo comeza a percibir sons e volumes que ata o momento non era capaz de identificar. Ademais, moita xente deixa pasar demasiado tempo ata que se decide a empregar algún destes aparellos, polo que o cambio para os oídos ó empregar os audífonos pode resultar abafador.
Unha das consecuencias máis habituais cando se comeza a empregar audífonos é notar un excesivo esgotamento. Os oídos non estaban habituados a recoller certos sons pero o cerebro tampouco o estaba a identificalos e procesalos. Isto precisa dun gasto enerxético maior ó principio, o que produce fatiga; pero cando pasan uns días a situación xa se estabiliza. Unha vez realizado este período de transición, a calidade de vida aumenta de forma significativa.
Recomendacións para os primeiros días de uso:
- É moi importante empregalos de maneira continuada. Non é recomendable poñelos e quitalos continuamente. O ideal é pasar o maior tempo posible con eles. Recoméndase comezar en ambientes relaxados sen excesivo ruído. En caso de que sexa molesto aguantar moito tempo con eles postos, faranse pequenas pausas de 30 minutos.
- Hai que comezar a empregalos de maneira progresiva e canto ó volume, é dicir, comezar cun volume relativamente baixo e ir subíndoo conforme se vaian adaptando os oídos. Unha boa maneira é practicar na casa cos volumes, isto é, escoitar determinados programas de tv ou de radio a diferentes niveis de volume e ir comprobando se nos sentimos ou non cómodos.
- Facer lecturas en voz alta. Os oídos e o cerebro non só se teñen que acostumar ós sons externos, senón que tamén o teñen que facer á propia voz. Moitas persoas con problemas de audición soen levantar a voz para falar porque senón pensan que non se lles escoita. Por iso é recomendable realizar varias lecturas ó día para axustar o volume de dicción.
- Dende o día 1 hai que acostumarse á rutina de limpeza dos audífonos. Isto é moi importante para garantir un bo funcionamento dos mesmos e para aumentar a súa vida útil. Para saber cal é o mellor método de limpeza é recomendable consultalo co especialista no cal se adquiriran os aparellos.
- Visitas ó audiólogo/a de maneira frecuente para que realice os cambios e adaptacións pertinentes nos audífonos e ir perfeccionando así cada vez máis o axuste.
Se xa pasou un tempo considerable e puxeches en práctica estas recomendacións pero aínda así non consegues habituarte ó emprego dos audífonos, deberías acudir con urxencia onde un especialista que che poida axudar dalgunha outra maneira. Ou que mesmo che poida dar referencias doutros casos similares para aprender das súas testemuños.