Para a maioría de persoas que empregan audífonos, un dos maiores problemas ós que se enfrontan é o ruído ambiente. Estes aparellos fan que a súa escoita mellore notablemente pero a situación segue volvéndose complexa se se atopan nun contexto no que interveñen moitos sons á vez. Se estás nesta situación ou coñeces a alguén que o estea, tes que saber que o normal non é convivir con elo, hai que buscar a maneira de tratar esa problemática para que non chegue a afectarlle ó día a día e á relación cos demais.
Neste artigo darémosvos algún consello para tratar de atallar esta problemática e desfrutar dunha audición máis clara.
Novas tecnoloxías nos audífonos
Moitos audífonos inclúen tecnoloxías de filtrado de ruído a través das cales podes escoller diferentes configuracións e filtros que se poden controlar, por exemplo, a través do móbil. Están deseñadas de forma específica para identificar e baixar o ruído de fondo, dándolle prioridade así ós sons importantes.
Estes audífonos pódense configurar para adaptalos ó entorno no que esteamos como pode ser un bar, un concerto, teatro, unha conferencia... Incluso tamén poden darlle máis presenza ós sons que chegan dende unha determinada dirección.
Proximidade co emisor
Se empregas audífonos, ou incluso se gozas dunha capacidade auditiva normal, é moi importante manter unha distancia axeitada co interlocutor. Isto evitará a interferencia de terceiros ruídos do entorno. Ademais, isto tamén favorecerá a linguaxe a través dos movementos corporais, dos xestos e das expresións.
Se non se escoita ben, non hai que tratar de disimulalo
Un mal hábito que adoitan ter as persoas portadoras de audífonos é disimular cando non son capaces de comprender unha mensaxe. Isto é totalmente contraproducente porque o único que se consegue é prexudicar a fluidez da conversa e impedir que os interlocutores se esforcen por transmitir a mensaxe de forma máis clara.
A elección do lugar
Se vamos a ter unha reunión, unha cea ou calquera tipo de evento, sempre será mellor escoller espazos cuxas características permitan unha mellor escoita. Espazos máis tranquilos e nos que se xunten menos persoas para evitar así unha maior cantidade de ruídos de fondo.
Evitar o estrés
Tratar de manter conversas dentro de ambientes con moita xente pode xerar situacións de estrés para as persoas con perda auditiva ó percibir demasiados estímulos sonoros e de distintos niveis. Isto dificultará aínda máis a conversa posto que se poden dar momentos de bloqueo e de frustración. Os ambientes menos concorridos axudarán a manter a tranquilidade e a concentración, facendo fluír moito mellor a comunicación.
Coma sempre, se aínda así sentes que tes demasiadas dificultades para escoitar ó teu interlocutor, acude ó teu especialista en audioloxía para que valore a adaptación ou cambio dos teus audífonos.