Normalmente os bebés teñen o oído moi desenvolto e xa son capaces de escoitar a voz de súa mamá no útero. Cando nacen, en todos os hospitais se lles realizan unha serie de probas para comprobar que a súa audición goza de saúde. Son probas que se soen realizar dentro das primeiras 24 horas e non supoñen ningunha molestia para o bebé. Na maioría dos casos, estas probas confirman que o neno ou a nena escoita ben pero, en moitos outros, detéctanse problemas que se comezarán a traballar de inmediato.
Nos casos nos que os resultados das probas sexan satisfactorios, deberase manter igualmente un control durante os primeiros anos de vida para comprobar que todo evoluciona correctamente. Os pais e nais teñen un papel moi importante porque terán que estar atentos a certos comportamentos do/a neno/a que son os que lles dirán que todo evoluciona favorablemente:
- Nos primeiros meses de vida o bebé deberá abrir moito as mans cando escoite sons fortes como un timbre, unha palmada etc.
- Nos dous primeiros meses reaccionará a ruídos que provoquemos con obxectos para chamar a súa atención e semanas despois será el mesmo quen os queira facer soar cas súas mans.
- Entre os catro e seis primeiros meses comezará a imitar os sons que nós fagamos.
- A partir dos seis meses, sinxelamente, deberá reaccionar a todo.
- Cando case teña un ano deberá ser capaz de escoitar sons suaves, de xirarse cara onde esteamos e incluso de recoñecer o seu nome e responder con movementos e expresións cando o chamemos.
Prestar atención a estes comportamentos é moi importante porque en caso de padecer problemas de audición, se non se tratan antes dos dous anos de vida, suporán moitos problemas para o desenvolvemento da fala e da capacidade comunicativa do/a pequeno/a.
Pero aínda que chegados a este punto non detectaramos ningunha anomalía, temos que seguir atentos e comprobar que todo evoluciona correctamente. Ós tres anos deberán de articular palabras, ós catro frases sinxelas e, de aquí en adiante, o neno ou nena non debería ter dificultades para entender unha conversa e non debería precisar que lle repetisen as palabras.
Se en calquera destes momentos detectamos que algo non funciona como debería, deberase acudir inmediatamente a un especialista auditivo que dea co problema e, o máis importante, ca solución. Porén, sempre é moi recomendable realizar avaliacións periódicas que nos poidan alertar de calquera patoloxía que escape á nosa detección.