Cando nos dispoñemos a facer unha casa ou adquirir calquera inmoble hai moitas cousas que, por inexperiencia, pasamos por alto. Unha delas é a acústica do que será o noso fogar. Se non escollemos con certo criterio os materiais e os espazos atoparémonos cunha forte presenza de reverberacións e ecos que farán que as estancias deixen de ser acolledoras. Isto fará que os ruídos ambiente se mesturen entre si, dificultando o correcto desenvolvemento das conversas
A continuación darémosvos algúns consellos para ter isto en conta e para mellorar o confort acústico dos vosos actuais fogares.
Como acondicionar acusticamente o teu fogar
Para lograr unha mellor acústica no teu fogar bastará con adquirir os materiais axeitados, non é preciso que sexan exactamente materiais acústicos, senón que será suficiente con materiais cos que estamos acostumados a convivir no día a día.
A acústica dos espazos
Para conseguir unha boa accesibilidade auditiva temos que ter moi en conta a distribución dos espazos. Para as persoas con problemas de audición resulta esencial poder ler os beizos dos interlocutores sen que ningún elemento se interpoña de por medio. Temos que xogar co mobiliario e con espazos amplos para garantir en todo momento o contacto visual.
Do mesmo xeito, a luz será fundamental para garantir unha boa comunicación. Esta, ben sexa natural ou artificial, ten que ser suficiente para que as persoas se poidan ver ben entre elas. Ademais, debemos evitar a incidencia da luz en superficies brillantes posto que a reflexarán de maneira intensa e poden cegar a visión.
Acondicionamento acústico
Un dos problemas máis habituais dos espazos mal acondicionados acusticamente é a reverberación. Esta dáse cando os ruídos inciden en superficies lisas e son rebotadas polas mesmas (paredes, teito, solo...). Para corrixir este problema teremos que optar polo emprego de materiais absorbentes tanto na construción como no mobiliario e elementos decorativos. Dámosvos algún exemplo:
- Elixir materiais brandos que absorban o ruído: sofás, camas, coxíns...
- Poñer alfombras no chan ou nas paredes.
- As cortinas que escollamos, canto máis grosas mellor.
- Dentro da decoración sería moi conveniente optar polas texturas.
- As plantas son un excelente difusor acústico e ademais reducen o estrés e ofrecen benestar emocional.
- Os cadros mellor sen cristal: unha pintura ó óleo, por exemplo, reduce as ondas de son moito mellor que calquera cadro protexido con cristal.