Os oídos son moi vulnerables ao frío, por iso é importante coidar os oídos no inverno e ter unha especial atención cando se expoñen ás inclemencias meteorolóxicas e ós cambios de temperatura en lugares como a montaña mentres se practican o esquí e outros deportes.
As persoas que sofren perda auditiva deben ter claro que non é un impedimento á hora de esquiar, simplemente haberá que ter en conta algúns aspectos importantes e seguir unha serie de consellos para poder gozar do deporte branco.
Consellos para esquiar con discapacidade auditiva
- Elixe un casco para que o aire non interfira cos teus audífonos. Debaixo do casco, utiliza unha banda, pano ou braga que os protexa e os manteña na súa posición. Consulta co teu audiólogo/a se os teus audífonos teñen posibilidade de protexerse cunha funda especial que os resgarde contra a humidade, o frío e sucidade.
- Leva pilas de reposto. O aire frío fai que se esgoten con máis rapidez que en condicións normais. Se os teus audífonos son recargables revisa o nivel de batería antes de sair. Se por algún motivo non cargaron pola noite, lembra que a maior parte destes modelos teñen unha opción de carga rápida (ate un 30% en 1/2h) para un uso máis inmediato.
- Segundo a atenuación acústica que o equipo nos poida producir (gorro, banda, funda protectora de audífonos...) a maiores do enmascaramento ambiental, pode ser axeitado facer saber ós membros do grupo co que estaremos desta merma na percepción sonora do noso entorno. Unha boa idea é convir algún código sinxelo para dar ou recibir indicacións concretas de xeito rápido e eficaz (“esperádeme” “máis rápido”, “máis amodo”, etc.). Ó igual que acontece cos mergulladores, con ou sen hipoacusia, será útil para todos os membros do grupo!
- Igualmente, se vas ter de man un monitor que che axude a aprender ou perfeccionar técnicas, será moi útil facerlle coñecedor da tua situación auditiva, para que poida prestar maior atención á hora transmitirche os seus coñecementos e facer máis cómoda e divertida a túa aprendizaxe.
- Se no teu caso fose necesario un intérprete de lingua de signos ou un monitor con coñecementos na mesma, planifica a túa escapada con antelación e ponte en contacto coa estación de esquí para consultar dita posibilidade e reservar o servizo ou profesional axeitado!
- Divírtete, respira o aire puro da montaña e pasa un día estupendo practicando este fermoso deporte.