Dificultades para as persoas con xordeira
A máscara, ou máis comunmente chamada ‘mascarilla’ é unha das palabras e un dos produtos estrela dos últimos meses, por desgraza. Pasamos de non saber apenas nada delas a ser grandes expertos en tipoloxías, materiais e tipos de transpiración. O seu emprego resultou esencial para lograr impoñerse a unha pandemia que chegou sen contar e que cambiou a nosa vida e as nosas costumes radicalmente.
Porén, o seu emprego de forma continuada tamén trouxo consigo certas complicacións. Entre elas, as auditivas. O feito de empregar máscaras impide ó 100% a lectura de beizos, polo que isto supón un gran inconveniente para as persoas con algún tipo de xordeira. Pensaredes que iso non lle afecta a aquelas persoas que empregan audífonos, pero si que o fai, posto que tamén se apoian moito nesta lectura para comprender ó seu interlocutor. De feito, moitas persoas portadoras de audífonos chegan a pensar que o seu grao de xordeira empeorou ó custarlles máis ca antes manter unha conversa.
Moitas asociacións e medios mantiveron unha ardua loita para conseguir a homologación por parte dos gobernos das máscaras transparentes, algo que finalmente se puido conseguir e significou un gran paso para as persoas con necesidades auditivas.
Problemas na voz
Dende que empregamos máscaras, as visitas o otorrino aumentaron considerablemente con consultas relacionadas con disfonías ou problemas do oído. Ó estar falando a través dunha máscara, sentimos a necesidade de berrar máis para que o noso interlocutor nos escoite e nos entenda, polo que estaremos forzando as nosas cordas vocais.
A patoloxía máis habitual derivada desta mala costume é a disfonía, podendo ser incapaces de pronunciar certos sons durante 3 ou 5 días.
Que facer para non berrar cando se ten a máscara posta
Para conseguir manter o noso ton de voz habitual aínda que esteamos empregando a máscara, son principalmente dous os consellos que vos podemos dar: vocalizar e respirar. Porén, os otorrinos e logopedas deseñaron unha útil listaxe que pode axudar a todos/as aqueles/as que se atopen nunha situación coma esta:
- Non falar máis alto do que o facemos normalmente
- Manter unha postura corporal recta para facilitar a saída e proxección da voz
- Respirar da maneira axeitada
- Intentar non fumar
- Facer todas as pausas e silencios que sexan precisos
- Coidar a alimentación
- Estar moi hidratados/as
- Evitar lugares moi secos