Estamos no momento dos famosos propósitos de ano novo. Moitos falan de comezar a facer deporte, de comer mellor, de deixar de fumar, de traballar aspectos de autoestima... pero estaría tamén moi ben comezar a falar de prestar máis atención á saúde auditiva dado que é algo que nos pode afectar en moitos outros aspectos da vida.
Se notas algunha anomalía na túa audición ou se te queres someter a unhas probas xenéricas que te informen do estado do teu sentido auditivo, estas son as 5 probas básicas que un audiólogo ou audióloga che pode realizar:
- Audiometría tonal: durante esta proba analízase a tonalidade do son e o umbral auditivo do paciente. Esta proba realízase nun lugar específico como son as cabinas de audiometría e extráense os resultados nunha gráfica chamada audiograma. Pódese realizar de dúas maneiras, por vía aérea ou por vía ósea. Na primeira delas taponarase un oído e comprobarase se se escoitan todos os sons polo outro; na segunda empregarase un obxecto que vibre como un diapasón que faremos soar cerca das orellas para examinar a capacidade auditiva.
- Timpanometría: é un exame que se realiza para comprobar o estado do oído medio e a mobilidade que teñen o tímpano e os osiños cando provocamos variacións da presión do aire no canle auditivo. Os seus resultados téñense que poñer en relación co audiograma.
- Logoaudiometría: é o test que se relaciona ca comprensión de fonemas, palabras ou frases. Con el, os audiólogos miden a comprensión verbal do paciente a través dun discurso repetitivo. Colócanlle uns cascos e este deberá repetir todo aquilo que escoite a través deles. Esta proba serve para entender se o estado da saúde auditiva lle pode afectar á capacidade de comprensión da linguaxe.
- Impedanciometría: nesta proba compróbase o comportamento da onda sonora no oído medio. Para iso introdúcese unha sonda no oído externo a través da cal se aplica un son con intensidade e frecuencia variable que xerará cambios de presión. Esta proba non precisa da colaboración activa do paciente.
- Test de audición: moitas clínicas dispoñen de test cos que, a través dunhas sinxelas preguntas, esbozan un primeiro diagnóstico para comprobar se temos que revisar a nosa audición.