Cada 14 de novembro celébrase o Día Mundial da Diabetes, para tomar conciencia dunha enfermidade que afecta en todo o mundo a millóns de persoas. Ademais, a diabetes é unha patoloxía que ten unha incidencia importante sobre a audición. Así, o indica un estudo elaborado polo National Centre for Rehabilitative Auditory Research, que conclúe que as persoas qu padecen esta patoloxía teñen o dobre de posibilidades de padecer perda auditiva ou hipocausia (xordeira parcial).
Relación entre diabetes e a perda auditiva
O referido estudo demostra que existe unha correlación entre os niveis de glicosa en sangue e a perda auditiva como posible consecuencia. Segundo os datos desta investigación, a perda auditiva é dúas veces máis común nas persoas que teñen diabetes que nas persoas da mesma idade que non a teñen.
Mesmo nas persoas con prediabetes (niveis de azucre no sangue máis altos do normal, pero non o suficientemente altos aínda para ter diabetes tipo 2) as taxas de perda auditiva son 30 % máis altas que nas persoas con niveis de azucre normais.
Como afecta a diabetes ó oído?
A diabetes pode causar dano aos nervios, e entre estes, aos nervios dos oídos. Dunha banda, os niveis altos de azucre no sangue poden danar os vasos sanguíneos pequenos e os nervios do oído interno. Doutra banda, os niveis baixos poden danar a forma na que os sinais que envían os nervios do oído interno chegan ao cerebro. Ambos os tipos de dano poden causar perda auditiva ou hipocausia.
Sinais de que podes estar perdendo oído
A perda auditiva pode suceder lentamente, polo que moitas veces pode ser difícil de notar. De aí, a importancia das revisións periódicas. Moitas veces son os amigos e familiares os que notan esta perda auditiva antes que un mesmo.
Os sinais de perda auditiva máis frecuentes son:
- Dificultade para escoitar a voz das persoas que falan baixiño.
- Pedirlles a miúdo aos demais que repitan o que dixeron.
- Dificultade para seguir as conversacións con máis dunha persoa.
- Problemas para escoitar en lugares ruidosos onde haxa moito bulicio.
- Subir o volume da televisión ou da radio a un nivel moi alto.
Que podo facer se detecto perda auditiva?
Non se pode reverter a perda auditiva, pero podes aplicar algúns destes consellos para coidar a túa saúde auditiva.
- Coida a túa dieta, revisa e controla os teus niveis de azucre no sangue.
- Acude a revisión auditivas de forma periódica.
- Evita outras posibles causas de perda auditiva, como estar exposto a ruídos fortes.
- Consulta co teu médico se algún dos medicamentos que tomas pode ter efectos adversos no óido.
E por último, se che detectan que tes diabetes, recomendámosche que inclúas probas de audición todos os anos.