A diabetes é unha enfermidade que se presenta cando o nivel de azucre (glucosa) no sangue é demasiado elevado. Esta glucosa é a principal fonte de enerxía para o noso organismo e atópase nos alimentos que inxerimos. Por outra parte, o páncreas é o encargado de producir insulina, que será a que permita a esta glucosa penetrar nas nosas células e dotarnos da citada enerxía. Cando esta produción de insulina é deficiente por parte do noso organismo, os niveis de azucre poden aumentar perigosamente e neste control e equilibrio se centran os tratamentos da diabetes.
Pero esta enfermidade, como a maioría, soen derivar noutras problemáticas para o noso organismo. Un estudo realizado polo National Center For Rehabilitative Auditory Research determina que as persoas con diabetes teñen o dobre de probabilidades de padecer problemas de xordeira. Este estudo demostra que efectivamente existe unha correlación entre os niveis de azucre en sangue e a perda auditiva como unha das posibles consecuencias.
De que maneira? A diabetes o que fai é danar a arteria que transporta o sangue ata os oídos. Esta arteria é moi pequeniña, polo que os danos se soen producir con bastante rapidez. O que se provoca así é unha obstrución nos oídos que pode derivar en diferentes doenzas como a falta de equilibrio, pitidos continuados ou perda auditiva, entre outras moitas.
O complicado desta situación é que, cando os síntomas de perda de audición ligados á diabetes se amosan dunha forma máis gradual, pode resultar complicado darse de conta de que se están padecendo. De feito, moitas veces, as persoas que rodean ó suxeito con diabetes e problemas de xordeira son moito máis conscientes que el mesmo dos problemas auditivos que está a experimentar. Se pensas que algún achegado teu se atopa nesta situación, fíxate nas seguintes sinais:
- Soe pedir que lle repitan o que lle din.
- Pensa que os demais murmuran, non que falan.
- Ten dificultades para participar nunha conversa de grupo.
- O que máis lle costa é diferenciar ben as voces das mulleres ou dos/as nenos/as.
- En contextos ruidosos non é capaz de desenvolverse con soltura.
- Reproduce contido audiovisual a niveis de son moi elevados.
Coma sempre, o tempo nestas situacións resulta fundamental e terase que acudir a un especialista tan pronto como sexa posible.