Unha fobia correspóndese cun medo desproporcionado ante un determinado estímulo. Aerofobia significa por exemplo medo a voar, ou claustrofobia medo ós espazos pechados. Pois hoxe traemos unha nova fobia, a fonofobia. Como vos estaredes imaxinando, si, é un medo irracional ante determinados sons. Este non é realmente un trastorno auditivo, senón que se relaciona con problemas de ansiedade.
Causas que poden provocar fonofobia
A causa principal que pode provocar ataques de ansiedade en quen padece este trastorno son os ruídos fortes e inesperados: explosións, petardos, alarmas de incendios... Estas persoas sóenlle ter moito medo ós dispositivos móbiles e a calquera son repentino que emitan cando lles chega unha notificación ou lles soa a alarma. Ademais, tampouco levan nada ben os cambios de frecuencia inesperados cando están a escoitar música. Igual que en todos os tipos de ansiedade, o problema non está no medo en si, senón no temor continuo de padecelo.
Se queremos buscar a raíz do problema, esta poderíase relacionar ca hipersensibilidade das vías auditivas e ca asociación de determinados estímulos a sensacións negativas. Estas poden derivarse de malas experiencias pasadas, polo que entraríamos no terreo dos Trastornos por Estrés Postraumático, onde a fonofobia se erguería como enfermidade de fondo. Así, unha experiencia negativa do pasado, un trauma, podería xerar algún tipo de fonofobia asociando un son específico a ese momento.
Síntomas da fonofobia
Os síntomas experimentados cando se sufre este tipo de fobia parécense moito ós de calquera outra. Entre eles están os seguintes:
- Ganas de fuxir.
- Cambios bruscos de humor ó escoitar determinados sons fortes.
- Náuseas ou mareos.
- Medo atroz ós ruídos fortes.
- Excesiva sudoración.
- Ataques de pánico.
- Desmaios.
- Alteración do ritmo cardíaco.
Tratamento da fonofobia
Non existe un tratamento como tal para loitar contra esta molestia, pero si que se está a traballar con terapias que axudan a quen a padece a convivir mellor con ela.
Unha delas é a terapia de exposición, na cal se expón ó oído a sons fortes de forma progresiva ca intención de ir diminuíndo a hipersensibilidade.
Outra terapia aplicada con éxito é a cognitivo-conductual, a cal consiste en facilitar ó paciente ferramentas que lle permitan transformar os seus pensamentos negativos en positivos fronte a determinados estímulos para lograr facerlle fronte á ansiedade.
Por último existe a técnica de relaxación. Nela, a través da relaxación muscular ou de exercicios de respiración, inténtase conseguir que o paciente teña o control das súas emocións.
Ademais, estas terapias tamén poden ser combinadas con determinados fármacos que prescriba o/a médico/a para combater a ansiedade e o estrés.